Tuesday 14 de May de 2024

Noemí Díaz supervisa os traballos municipais para a limpeza dos pellets de plástico nas praias


Noemí Díaz: “Quizáis a Xunta non é consciente de que ao activar o plan de emerxencia son eles os que teñen as competencias”

A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, achegouse esta mañá ate a praia das Lapas para supervisar os traballos municipais de limpeza que se están a realizar na Coruña para facer fronte á marea de pellets de plástico presente nos areais coruñeses. “Dende o venres temos constancia e estamos traballando en Bens, O Portiño, Riazor-Orzán e As Lapas cun reforzo de limpeza de praias das bolas de plástico, da que todavía non sabemos a composición”.

Dende o Concello da Coruña levouse a cabo a recollida dunha mostra dos pellets e enviouse ao laboratorio para poder coñecer a composición. “Realizamos a mostra para saber que efectivamente se trata de plástico e sobre todo de plástico inerte, é dicir, que non ten ningún compoñente nocivo porque todavía non nos chegou constancia de que material estamos a manexar” sinalou.

Díaz lembrou que o Concello todavía non recibiu ningunha notificación por parte da Xunta de Galicia sobre a posta en marcha da Fase I do Plan de Emerxencia. “Quizáis a Xunta non é consciente de que ao activar o plan de emerxencia son eles os que teñen as competencias para realizar a limpieza de praias e coordinar ás persoas voluntarias, ambos traballos que neste momento estamos a realizar dende o Concello” explicou.

Sobre a decisión de Alfonso Rueda de non elevar o Plan de Emerxencia á Fase II, a concelleira de Medio Ambiente mostrou o seu malestar pola actuación da Xunta de Galicia. “Actúan de llanero solitario, sen pedir axuda e cargando contra os Concellos a pesar de que se nos retiraran as competencias coa activación do plan de emerxencia, do que aínda hoxe seguimos sen ter notificación oficial” concluíu.